A Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo ten implantado un programa de mentorización co obxectivo de axudar e apoiar ao alumnado que se incorpora por primeira vez á Universidade.
Os estudantes do primeiro curso de novo ingreso acceden á Universidade comezando unha nova etapa da súa vida persoal e académica, o que pode provocar que se sentan preocupados e desorientados ante este escenario, afectando negativamente ao seu rendemento académico, e mesmo, podendo chegar a considerar o abandono dos estudos na Escola.
Con obxecto de evitar estas situacións e facer da Escola un lugar onde poder facilitar o proceso de aprendizaxe, a EEI adquire un serio compromiso de axudar, orientar e facilitar a integración dos nosos estudantes, fomentado unha rede de apoio entre compañeiros e compañeiras, baseada na transmisión das experiencias vividas e nos valores esenciais para unha adecuada convivencia. Este programa estará tutelado por estudantes de mestrado baixo a dirección da Escola, a través da subdirección de proxección institucional e alumnado, contando tamén co apoio de profesores/as e egresados/as da Escola.
Esta iniciativa, por tanto, pretende ofrecer ao alumnado de novo ingreso das titulacións oficiais de grao da EEI (graos e dobres graos) a orientación e asesoramento necesarios para facilitar a súa integración académica e social na Escola e contribuír, desta forma, a mellorar o rendemento académico e a superar os estudos con éxito.
En definitiva, o propósito deste programa é poñer en contacto ao alumnado de novo ingreso nas titulacións de grao con estudantes con experiencia na Escola e pertencentes ao último curso do Mestrado Universitario en Enxeñería Industrial.
No seguinte documento podes consultar toda a información detallada dunha nova edición do programa de mentorización AcompañamEEI correspondente ao curso 2024/2025.