O Programa Erasmus-Internships (Erasmus Prácticas) permite realizar estadías prácticas en empresas e institucións da Unión Europea, incluídas universidades.
Ao abeiro deste programa podes realizar prácticas extracurriculares en empresas no estranxeiro.
Tamén podes facer unha estadía nos laboratorios doutra universidade europea para levar a cabo un traballo práctico que che sirva para o TFG / TFM. Consulta a lista de destinos que se actualizará anualmente.
A duración mínima da mobilidade é de 2 meses pero poden realizarse estadías por períodos superiores. Cada estudante pode participar no programa Erasmus+ (estudos e/ou prácticas) durante un período máximo de 12 meses por ciclo de estudos (entendéndose por ciclo de estudos: grao, mestrado e doutoramento).
Os titulados recentes tamén poden participar neste programa se realizan a solicitude durante o último curso dos seus estudos oficiais na Universidade de Vigo e a súa estadía se leva a cabo no período dun ano dende a obtención do título.
A contía desta bolsa é compatible con calquera outra axuda que a institución de acollida queira aportar.
Se queres validar unhas prácticas extracurriculares realizadas ao abeiro deste programa polas prácticas en empresa curriculares da túa titulación de Grao, consulta o procedemento na Normativa de prácticas en empresa da EEI antes de iniciar a mobilidade.
Convocatoria Erasmus prácticas 2024 e 2025
- Prazo presentación: Dende o 3 de xullo ata o 30 de novembro de 2024.
Algúns dos requisitos básicos para que os alumnos poidan concorrer son:
- Estar matriculado na Universidade de Vigo en estudos de Licenciatura, Diplomatura, Enxeñería, Grao ou Mestrado
- Ter superado polo menos o 50% dos créditos dos que consta a titulación (agás para os mestrados)
- Contar coa carta de aceptación asinada pola institución de acollida e polo titor na Universidade de Vigo
- Ter un informe favorable do docente da UVigo que vaia supervisar ao estudante no que se acredite que as prácticas teñen relación cos estudos do solicitante