Proceso para a formalización dunhas prácticas extracurriculares en empresa e convalidación pola materia de “Prácticas curriculares/optativa”
Tal como se indica na normativa de prácticas da EEI, para poder realizar unhas Prácticas Extracurriculares (P.E.) os alumnos deberán cumprir dous requisitos.
- Ser alumno/a da UVIGO.
- Ter superado o 50% dos créditos necesarios para obter o título de grao.
Se o estudante desexa convalidar as (P.E.) pola materia de Prácticas Curriculares (P.C.)/optativa deberá cumprir:
- Ter superado polo menos 150 créditos.
- As prácticas deben ser xestionadas pola FUVI.
- As prácticas deberán ter unha duración mínima de 180 horas.
- Estar matriculado de todas as materias para rematar o grao, incluído o TFG.
O estudante deberá contactar cunha empresa para a realización das súas (P.E.). Aconséllase visitar o portal de emprego da EEI.
Para a formalización das (P.E.) deberán seguirse os seguintes pasos:
- Deberá comprobarse se a empresa ten asinado un convenio de cooperación coa UVigo, específico para a realización de prácticas. Este convenio é distinto ao que se pide para a realización dun TFG/TFM: https://www.uvigo.gal/estudar/empregabilidade/practicas/convenios-practicas
- Se a empresa non ten asinado o convenio, deberá enviar un correo a: eei.empresas@uvigo.gal, indicando o nome completo da empresa e un enderezo de correo electrónico.
- Cubrir e asinar o documento de formalización. Este documento, unha vez cuberto e asinado, enviarase a eei.centro.departamentos@uvigo.gal e a empresa quedarase cunha copia. Se o proceso o realiza a FUVI, este organismo encargarase deste paso. Ata que este documento non estea asinado, non se poderá comezar a actividade na empresa. Este documento é o que dá vixencia aos seguros contratados pola UVigo.
No caso de que o estudante pida a convalidación das (P.E) pola (P.C.), o titor académico, unha vez finalizadas as prácticas, enviará a documentación necesaria a eei.centro.departamentos@uvigo.gal para solicitar a convalidación.