External internships

 As prácticas extracurriculares son aquelas que se realizan con carácter voluntario durante o período de formación e que, aínda tendo os mesmos fins que as prácticas curriculares, non forman parte do correspondente plan de estudos.

Para realizar prácticas extracurriculares, o alumno debe:

  • Estar matriculado na Universidade de Vigo nos ensinos para as que se ofertan as prácticas extracurriculares
  • Nas titulacións de Grao, ter superado o 50% dos créditos necesarios para obter a titulación

Estas prácticas son xestionadas pola Fundación Universidade de Vigo ( FUVI) de acordo coa normativa aprobada pola Universidade de Vigo.

 

Duración e horario

A súa duración e horario establecerase procurando garantir o correcto desenvolvemento e seguimento polo alumnado.
A duración máxima será de 6 meses por curso académico e poderán realizarse ao longo de todo o ano.
A xornada diaria aconsellable será de 5 horas, pero pode ser superior nos seguintes casos:

  • Durante os períodos non lectivos ou cando se xustifique a non existencia de carga lectiva durante as prácticas
  • Se ao estudante seleccionado só lle quedan por superar 15 créditos para rematar a titulación

 

Bolsa de prácticas

A empresa ou entidade convocante da práctica concederá unha axuda con carácter de bolsa que será proporcional ao Salario Mínimo Interprofesional no país onde teñan lugar as prácticas, en función do número de horas. Será opcional nos seguintes casos:

  • Organismos públicos e entidades sen ánimo de lucro durante un máximo de 3 meses
  • Durante un tempo equivalente a 240 horas (aplicable unha única vez por alumno na mesma empresa)