Reglamento de prácticas en empresas de la EEI

Antecedentes

O real decreto (RD) 592/2014, do 11 de xullo, regula as prácticas externas do estudante universitario, e completa o marco normativo destas que comezou co RD 1393/2007, o RD 861/2010 que o modifica e o RD 1791/2010, polo que se aproba o Estatuto do Estudante Universitario.

Con respecto á normativa da Universidade de Vigo, o Regulamento de Prácticas Académicas Externas do Alumnado da Universidade de Vigo (tras ser aprobado no consello de goberno do 29/04/2021) é o marco polo que se rexerán as prácticas externas na Universidade de Vigo, definindo os seus requisitos xerais, asegurando o seu carácter formativo, a posibilidade de acceso a unha tutela efectiva por parte do alumnado e establecendo os procesos de xestión necesarios dentro do marco da organización académica xeral.

A resolución reitoral, do 21 de febreiro de 2013, pola que se fai pública a instrución que establece o procedemento para desenvolver as prácticas académicas externas curriculares da Universidade de Vigo (IPDPAECUVIGO), ten o obxecto de racionalizar a tramitación de expedientes e posibilitar o cumprimento do citado Regulamento de Prácticas Académicas Externas do Alumnado da Universidade de Vigo na súa modalidade de prácticas curriculares.
A Resolución reitoral, do 21 de febreiro de 2013, pola que se fai pública a instrución que establece o procedemento para desenvolver as prácticas académicas externas extracurriculares da Universidade de Vigo, ten o obxecto de racionalizar a tramitación de expedientes e posibilitar o cumprimento do citado regulamento de prácticas académicas externas do alumnado da Universidade de Vigo na súa modalidade de prácticas extracurriculares.

Artigo 1. Obxecto, réxime xurídico e ámbito de aplicación

  1. O obxecto do presente regulamento é o ordenamento das prácticas académicas externas do alumnado da Escola de Enxeñería Industrial (EEI) que estea matriculado en calquera das súas titulacións.
  2. O marco legal que regula as prácticas externas está definido no disposto:
    1. No RD 592/2014, do 11 de xullo, polo que se regulan as prácticas académicas externas das e dos estudantes universitarios.
    2. No RD 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece o ordenamento das ensinanzas universitarias oficiais.
    3. No regulamento de prácticas académicas externas do alumnado da Universidade de Vigo, tras ser aprobado no consello de goberno do 24 de maio de 2012.
    4. No presente regulamento e nas disposicións do plan de estudos de cada unha das titulacións do centro.
  3. Entran dentro do ámbito desta normativa todas as prácticas externas realizadas polo estudantado da EEI. Inclúense as realizadas no estranxeiro a través do programa Erasmus ou outros, a través de convenios bilaterais con outras universidades ou institucións, así como as realizadas a través de programas nacionais de mobilidade e intercambio universitarios.

Artigo 2. Definición e características das prácticas externas

  1. As prácticas externas constitúen unha actividade académica de natureza formativa co obxectivo principal de completar e aplicar, nun ámbito profesional, competencias e coñecementos adquiridos polo alumnado nos seus estudos.
  2. As prácticas externas poden realizarse en entidades colaboradoras, tales como empresas, institucións e entidades, de carácter público ou privado, no ámbito nacional ou internacional.
  3. Tamén poden realizarse prácticas externas en dependencias e servizos da propia Universidade de Vigo que non estean destinados á actividade docente.
  4. As prácticas externas poden adoptar dúas modalidades:
    1. Prácticas externas curriculares, que se configuran como actividades académicas integradas como materias dun plan de estudos con carácter obrigatorio ou optativo.
    2. Prácticas externas extracurriculares, que se realizan con carácter voluntario durante o período de formación e que, aínda tendo os mesmos fins que as prácticas curriculares, non forman parte do correspondente plan de estudos.

Artigo 3. Coordinación das prácticas académicas externas

  1. O director da EEI nomeará, entre o profesorado con docencia no centro, un coordinador de prácticas en empresa.
  2. O coordinador de prácticas da EEI encargarase de coordinar as prácticas académicas curriculares das titulacións de grao, e as do Mestrado en Enxeñería Industrial, así como das outras titulacións da EEI que sexan xestionadas directamente pola Comisión Permanente da EEI.
  3. As funcións básicas do coordinador de prácticas da EEI serán as establecidas no Regulamento de Prácticas Académicas Externas do Alumnado da Universidade de Vigo e na resolución reitoral, do 21 de febreiro de 2013, pola que se fai pública a instrución que establece o procedemento para desenvolver as prácticas académicas externas curriculares da Universidade de Vigo, e que se recollen a continuación:
    1. Encargarse, xunto cos titores académicos, de contactar coas empresas/entidades para que os seus e as súas estudantes realicen prácticas externas curriculares. Así mesmo, contarán coa colaboración da Área de Emprego nos procesos de procura.
    2. Xestionar convenios de cooperación educativa.
    3. Coordinar a xestión da práctica.
    4. Coordinarse, así mesmo, coa Fundación Universidade de Vigo (FUVI) para o nomeamento de titores académicos para realizar as prácticas extracurriculares. As prácticas extracurriculares son xestionadas pola FUVI de acordo coa normativa aprobada pola Universidade de Vigo e segundo o encargo de xestión asinado para tal efecto entre a Universidade de Vigo e a FUVI. As prácticas extracurriculares realizadas por cada estudante poderán ser recoñecidas como prácticas curriculares polo centro segundo se recolle no artigo 8 do presente regulamento.
    5. Informar á vicerreitoría correspondente das posibles incidencias xurdidas.
    6. Remitir a documentación administrativa para a súa custodia no centro ou órgano que corresponda.
    7. Informar á Área de Emprego das prácticas curriculares xestionadas polo centro.
  4. Será así mesmo función do coordinador de prácticas da EEI a asignación de titores académicos nas prácticas extracurriculares realizadas polo estudantado da EEI nas titulacións que se van extinguir de Enxeñaría Técnica Industrial e Enxeñería Industrial, nas titulacións de grao e as do Mestrado en Enxeñería Industrial, así como nas titulacións da EEI que sexan xestionadas directamente pola Comisión Permanente do centro. A devandita asignación realizarase por pedimento da FUVI ou do órgano con competencias asignadas.
  5. As funcións do coordinador de prácticas da EEI deléganse nos coordinadores da titulación para o resto de titulacións do centro.
  6. No que respecta ás prácticas externas realizadas no marco do programa Erasmus ou outros equivalentes, aterase ao recollido no artigo 9 do presente regulamento.

Artigo 4. Titorización das prácticas académicas externas curriculares

  1. O coordinador de prácticas da EEI designaralle un titor académico a cada estudante en prácticas, que será ou ben o coordinador da titulación, ou ben o co-coordinador da titulación en que estea matriculado o alumno.
  2. As funcións do titor académico serán as que figuran no artigo 1 apartado c) da Resolución reitoral, do 21 de febreiro de 2013, pola que se fai pública a instrución que establece o procedemento para desenvolver as prácticas académicas externas curriculares da Universidade de Vigo, e que se recollen a continuación:
    1. Velar polo normal desenvolvemento do proxecto formativo, garantindo a compatibilidade do horario de realización das prácticas coas obrigacións académicas, formativas e de representación e participación do estudante.
    2. Facer un seguimento efectivo das prácticas coordinándose para iso co titor da empresa/entidade e logo de ver, de ser o caso, os informes de seguimento.
    3. Autorizar as modificacións que se produzan no proxecto formativo (sen prexuízo do indicado nas convocatorias de programas internacionais de prácticas).
    4. Levar a cabo o proceso avaliador das prácticas do estudante tutelado de acordo co que se establece no artigo 15 do RD 592/2014.
    5. Gardar confidencialidade en relación con calquera información que coñeza como consecuencia da súa actividade como titor.
    6. Informar ao coordinador de prácticas do centro das posibles incidencias xurdidas.
    7. Supervisar e, se for o caso, solicitar a adecuada disposición dos recursos de apoio necesarios para asegurar que os e as estudantes con discapacidade realicen as súas prácticas en condicións de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal.

Artigo 5. Titorización das prácticas académicas externas extracurriculares

  1. Nas titulacións de grao e de Mestrado en Enxeñería Industrial da EEI, así como nas titulacións en que a xestión sexa realizada directamente pola Comisión Permanente da EEI, o coordinador de prácticas da EEI designaralle un titor académico a cada un dos alumnos que realicen prácticas académicas externas extracurriculares, seguindo as instrucións do Regulamento de Prácticas Académicas Externas do Alumnado da Universidade de Vigo. Con esta finalidade, abrirase un prazo antes do comezo de cada curso académico para que os profesores que cumpran as especificacións do artigo 6.4 do Regulamento de prácticas académicas externas do alumnado da Universidade de Vigo se ofrezan como titores académicos para as titulacións da EEI.
  2. No resto das titulacións da EEI, a responsabilidade do nomeamento de titores académicos delégase no coordinador da titulación.

Artigo 6. Persoas destinatarias das prácticas externas curriculares e requisitos que deben cumprir para realizalas

  1. Poden realizar as prácticas externas curriculares:
    1. O alumnado matriculado nas titulacións da EEI nas condicións que se establezan nesta normativa.
    2. Os e as estudantes doutras universidades españolas ou estranxeiras que estean realizando estadías de estudo na EEI en programas de mobilidade académica ou por convenios bilaterais.
  2. Para realizar as prácticas externas curriculares, o alumno debe:
    1. Estar matriculado na materia de Prácticas en empresa.
    2. Ter superados no caso dos estudo de grao, polo menos 150 créditos da titulación na que está matriculado.
    3. Estar matriculado de todas as materias pendentes para acadar a titulación.
  3. Durante o período de realización das prácticas externas non se poderá manter ningunha vinculación contractual coa entidade colaboradora en que se realicen, ou coa propia Universidade de Vigo, de ser o caso.
  4. O alumnado estranxeiro que realice prácticas externas ao abeiro do programa Sócrates-Erasmus ou de calquera outro programa de mobilidade ou convenio bilateral subscrito por esta universidade, gozará do mesmo tratamento que establece esta normativa para o estudantado da EEI, salvo que as normas da Universidade de Vigo ou as normas que regulen o programa ou convenio en cuestión dispoñan outra cousa.

Artigo 7. Procedemento para realizar as prácticas académicas externas curriculares

  1. A EEI fará pública a oferta de prácticas en empresa curriculares entre as que o alumnado, que cumpra os requisitos descritos no artigo 6 deste regulamento, deberá facer a súa escolla dentro do prazo fixado ao efecto.
  2. Na devandita oferta figurarán como mínimo:
    1. Nome da empresa
    2. Centro de traballo
    3. Número de horas
    4. Horario
    5. Coñecementos requiridos
    6. Actividades que deben realizar
    7. Titor na empresa
    8. Titor académico
    9. Período
  3. No entanto, é posible engadirlle á oferta de prácticas en empresa segundo o punto anterior outras ofertas que lle vaian chegando ao coordinador de prácticas en empresas da EEI.
  4. No momento de matricularse na materia de Prácticas en Empresa, o alumno obrigatoriamente priorizará a selección das materias optativas de cuarto curso, para o caso de non serlle finalmente asignada unha das prazas dispoñibles de prácticas en empresa curriculares.
  5. Ao finalizar o prazo de matrícula, os servizos administrativos da EEI comprobarán se os alumnos matriculados de Prácticas en Empresa cumpren os requisitos fixados nesta normativa. Os estudantes que non cumpran os devanditos requisitos deberán modificar a súa matrícula nos prazos administrativos que se fixen, segundo a selección priorizada de materias optativas realizada no momento da matrícula e a dispoñibilidade de prazas.
  6. De entre o alumnado que cumpra os requisitos, o coordinador de prácticas da EEI (auxiliado pola plataforma telemática de prácticas en empresa), a petición das empresas ou entidades colaboradoras, poderá seleccionar os mellores expedientes académicos, de maneira que só se lles ofertarán ás empresas un máximo de catro estudantes por cada praza dispoñible.
  7. Poñeranse a disposición de cada empresa os currículos dos alumnos que soliciten realizar as prácticas na citada empresa ou entidade, tendo en conta o expresado no punto 6, xunto cun extracto do seu expediente académico. Será imprescindible que o alumno asine de xeito previo o documento de permiso de acceso a datos persoais e académicos por parte das empresas, quen á súa vez se comprometen a utilizar os citados datos e documentos exclusivamente para esta campaña de prácticas en empresa, de maneira que sempre se cumpra a normativa de protección de datos.
  8. As empresas seleccionarán os alumnos do seu interese, para o que poderán realizar entrevistas ou probas tanto nas súas instalacións como nas da EEI. A devandita selección será comunicada ao coordinador de prácticas en empresa da EEI utilizando a plataforma telemática de prácticas en empresa.
  9. A continuación, o coordinador de prácticas en empresa da EEI asignará unha praza de prácticas a cada alumno (sen prexuízo do expresado no punto 4). Unha vez aceptada polo alumno, a praza de prácticas non poderá cambiala.
  10. O alumno, o titor na empresa e o titor académico asinarán o documento de aceptación e formalización de prácticas en empresas da EEI. Este documento deberá estar depositado nos servizos administrativos da EEI antes do comezo das prácticas.
  11. O alumno deberá manter contacto periódico, polo menos unha vez cada quincena, co seu titor académico por un medio do que quede constancia para informar das actividades realizadas. No caso de producirse calquera incidencia, deberá informar canto antes o seu titor académico e, de ser o caso, ao coordinador de prácticas da EEI.
  12. Unha vez rematadas as prácticas en empresa, e dentro dos sete días hábiles posteriores, o alumno deberá cubrir e asinar o seu informe de prácticas, que lle entregará ao titor académico. Este informe estará constituído polo documento de avaliación das prácticas e suxestións de mellora segundo o documento D6-Informe do estudante e pola memoria final das prácticas externas do estudante, que como mínimo conterá a seguinte información:
    1. Datos persoais do estudante.
    2. Nomes do titor académico e do departamento da Universidade de Vigo ao que pertence.
    3. Nome e cargo do titor na empresa.
    4. Nome e localización da empresa ou entidade onde realizaron as prácticas.
    5. Breve descrición da empresa, do sector ao que pertence e das súas liñas de traballo principais.
    6. Descrición concreta e detallada das tarefas, dos traballos desenvolvidos e dos departamentos da empresa ou entidade aos que estivo asignado.
    7. Valoración das tarefas desenvolvidas cos coñecementos e competencias adquiridas en relación cos estudos universitarios cursados.
    8. Relación dos problemas técnicos presentados e o procedemento seguido para resolvelos.
    9. Identificación das achegas que, en materia de aprendizaxe, supuxeron as prácticas.
    10. Breve descrición das incidencias xurdidas ao longo das prácticas que lle foron comunicadas ao titor académico, así como as solucións adoptadas.
    11. Avaliación das practicas e suxestións de mellora segundo o documento D6-Informe do estudante.
    12. Outros documentos esixidos polos programas de prácticas internacionais.
  13. Ao recibir os citados informes, o titor académico cubrirá e asinará o seu informe de prácticas, que incluirá a avaliación numérica das prácticas realizadas. Para iso terá en conta tanto os informes de prácticas do alumno e do titor en empresa, como as conclusións dos contactos mantidos co alumno e co titor na empresa ao longo do período de prácticas. Os criterios de avaliación das prácticas serán definidos co consenso do conxunto de tódolos titores académicos de prácticas en empresa curriculares da EEI, e se farán públicos antes do comezo de ditas prácticas.
  14. Dentro do período de sete días hábiles a partir da recepción dos informes de prácticas, o titor académico deberá cubrir, asinar e entregar nun dos Negociados de Asuntos Xerais o certificado de prácticas en empresa.
  15. O secretario do centro asinará o certificado de prácticas en empresa, que será custodiado na Secretaría de Alumnos da EEI.

Artigo 8. Recoñecemento das prácticas extracurriculares

  1. Soamente poderán solicitar o recoñecemento de prácticas extracurriculares os alumnos que no momento de realizar ditas prácticas estivesen matriculados na titulación de grao para a que se solicita o recoñecemento de créditos.
  2. O alumno que teña a intención de solicitar o recoñecemento das prácticas extracurriculares cando estas conclúan, deberá poñer en coñecemento do coordinador de prácticas da EEI dita intención, dentro dos tres días hábiles posteriores á asignación das prácticas. No caso de non producirse dita manifestación de intencións, entenderase que o alumno renuncia a solicitar dito recoñecemento.
  3. Os alumnos que realicen prácticas extracurriculares e desexen o seu recoñecemento pola materia Prácticas en Empresa, deben cumprir os seguintes requisitos:
    1. Ter superados, no caso de estudos de grao, polo menos 150 créditos da titulación na que está matriculado o día en que comecen as prácticas extracurriculares.
    2. Que a asignación da práctica externa extracurricular fose realizada pola FUVI en coordinación coa EEI.
    3. Que o número de horas das prácticas fose alomenos de 180 para cubrir o número de créditos ECTS da materia de Prácticas en Empresa.
    4. Que o Proxecto Docente da práctica extracurricular se corresponda cos obxectivos e competencias da materia Prácticas en Empresa da súa titulación de Grao.
    5. Que o alumno entregase unha memoria final de prácticas en empresa, cumprindo as especificacións do punto 12 do artigo 7 deste regulamento, e que o alumno tivese mantido un contacto periódico co seu titor, tal como se especifica no punto 11 do mesmo artigo.
  4. Os alumnos poderán solicitar, no caso de estudos de grao, unha vez rematadas as prácticas extracurriculares no curso académico no que se atopen matriculados, por medio da Secretaría de Alumnos, o recoñecemento de ditas prácticas á Comisión Permanente da EEI.
  5. Non será obxecto de recoñecemento pola materia de Prácticas en Empresa a estadía realizada nas instalacións dunha empresa con motivo do desenvolvemento do Traballo de Fin de Grao.

Artigo 9. Prácticas académicas externas realizadas no marco do programa Erasmus ou outros equivalentes

  1. As prácticas externas realizadas no marco do programa Erasmus ou outros equivalentes serán competencia da Subdirección de Relacións Exteriores da EEI, que traballará conxuntamente coa Oficina de Relacións Internacionais (ORI) e de acordo co establecido neste regulamento e o resto da normativa vixente.
  2. O alumno que realice prácticas externas curriculares no marco do programa Erasmus ou outro equivalente deberá cumprir, ademais dos requisitos para solicitar a bolsa publicados na correspondente convocatoria, os recollidos no punto 2 do artigo 6 do presente regulamento.
  3. As prácticas extracurriculares realizadas no marco do programa Erasmus ou outro equivalente poderán ser recoñecidas como prácticas curriculares polo centro segundo o disposto no artigo 8 do presente regulamento (agás o establecido no punto 2 e no apartado b do punto 3).
  4. No caso de que o alumno vaia realizar prácticas curriculares ou vaia solicitar o recoñecemento das prácticas extracurriculares por curriculares, será función da Subdirección de Relacións Exteriores a designación dun titor académico para o estudante. En todo caso, será de aplicación o establecido nos artigos 4 e 5 do presente regulamento.
  5. O alumno que teña a intención de solicitar o recoñecemento das prácticas extracurriculares cando estas conclúan, deberá poñer en coñecemento da Subdirección de Relacións Exteriores da EEI dita intención cando realice a solicitude da bolsa. No caso de non producirse dita manifestación de intencións, entenderase que o alumno renuncia a solicitar dito recoñecemento.
  6. O proceso avaliador das prácticas curriculares realizadas no marco do programa Erasmus ou outro equivalente levarase a cabo de acordo co que se establece no artigo 15 do RD 592/2014, sendo de aplicación o disposto nos puntos 11 a 15 do artigo 7 do presente regulamento.

Disposición transitoria

Mentres non se desenvolven os documentos de xestión de prácticas propios da EEI utilizaranse os aprobados polo Consello Social con data do 24/05/2012.

Disposición final

Este regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa aprobación pola Comisión Permanente da EEI.

Aprobado pola Comisión Permanente da EEI na reunión que tivo lugar o 24 de maio de 2021.

Corrección na redacción do Artigo 8, punto 3.3 aprobado en Comisión Permanente de 22 de abril de 2022.