Programa ISEP

O Programa ISEP (International Student Exchange Programme) é unha rede de máis de 200 universidades de todo o mundo, que ten por obxectivo facilitar a mobilidade física de estudantes dos últimos anos e de posgrao. Grazas a este programa, en que participan só sete universidades españolas, o custo do desenvolvemento dun cuadrimestre ou dun ano académico completo nos EEUU queda reducido a preto dunha décima parte.

A través do ISEP, o alumnado da Universidade de Vigo pode realizar nunha universidade americana un curso completo (agosto-maio) ou un semestre (agosto-decembro ou xaneiro-maio), e elixir entre máis de 150 universidades estadounidenses e unha ampla gama de programas de estudos. De xeito xeral, a Universidade de Vigo ten asignado un máximo de 15 prazas anuais ou 30 dun semestre.

O estudantado indicará na súa solicitude ata un máximo de 10 universidades estadounidenses en que desexe cursar estudos, así como, os cursos ou programas de estudos en que solicite matricularse.

Os candidatos/as admitidos terán aloxamento e manutención gratuítos, segundo o sistema de reciprocidade institucional, durante a súa estadía na universidade estadounidense e non aboarán taxas de matrícula na universidade receptora. Na solicitude, os candidatos/as indicarán se optan pola modalidade de pagamento ou de familia. A Universidade de Vigo recibirá igualmente un grupo de estudantes norteamericanos que cursarán parte dos seus estudos nos seus centros.

A Universidade de Vigo e ISEP encárganse tamén da maior parte dos trámites burocráticos (incluíndo o visado J-1) e facilitan a entrada do alumnado da Universidade de Vigo nas institucións estadounidenses.