Programa Erasmus Prácticas

O Programa Erasmus-Internships (Erasmus Prácticas) permite realizar estadías prácticas en empresas e institucións da Unión Europea, incluídas universidades.

Ao abeiro deste programa podes realizar prácticas extracurriculares en empresas no estranxeiro.

Tamén podes facer unha estadía nos laboratorios doutra universidade europea para levar a cabo un traballo práctico que che sirva para o TFG / TFM. Consulta a lista de destinos que se actualizará anualmente.

A duración mínima da mobilidade é de 2 meses pero poden realizarse estadías por períodos superiores. Cada estudante pode participar no programa Erasmus+ (estudos e/ou prácticas) durante un período máximo de 12 meses por ciclo de estudos (entendéndose por ciclo de estudos: grao, mestrado e doutoramento).

O financiamento está garantido para estadías de ata 5 meses.

Os titulados recentes tamén poden participar neste programa se realizan a solicitude durante o último curso dos seus estudos oficiais na Universidade de Vigo e a súa estadía se leva a cabo no período dun ano dende a obtención do título.

Os requisitos básicos para que os alumnos poidan concorrer son:

  • Estar matriculado na Universidade de Vigo en estudos de Licenciatura, Diplomatura, Enxeñería, Grao ou Mestrado
  • Ter superado polo menos o 50% dos créditos dos que consta a titulación (agás para os mestrados)
  • Ter un mínimo de B1 do idioma no que se vaian a levar a cabo as prácticas (os alumnos que realizasen un período de mobilidade previa poden estar exentos dependendo do país/idioma no que se desenvolvese a estadía previa)
  • Contar coa carta de aceptación asinada pola institución de acollida e polo titor na Universidade de Vigo

A contía desta bolsa é compatible con calquera outra axuda que a institución de acollida queira aportar.

Se queres validar unhas prácticas extracurriculares realizadas ao abeiro deste programa polas prácticas en empresa curriculares da túa titulación de Grao, consulta o procedemento na Normativa de prácticas en empresa da EEI antes de iniciar a mobilidade.