Historia da escola

No século II aparece o nome do enxeño para a máquina ou o artificio, e o que a manexaba era coñecido popularmente como enxeñeiro, sendo unha das misións do enxeñeiro a fabricación de medios e instrumentos que faciliten a tarefa do home.

A primeira nación que organizou Escolas de Enxeñería no mundo foi Francia. Mentres Inglaterra, durante o século XVIII, consagraba os seus esforzos á invención técnica e á promoción comercial e empresarial, Francia país máis centralista, organizaba os seus enxeñeiros en corpos rixidamente estruturados. A partir destes corpos de enxeñeiros xurdían as primeiras escolas.

En España a orixe do ensino da Enxeñería Industrial pode situarse no Real Conservatorio das Artes de Madrid, creado en 1824, onde se impartían ensinanzas de Mecánica, Química e Delineación.

En Vigo créase a Escola de Artes e Industrias por Real Decreto, asinado pola Raíña Rexente María Cristina, o 25 de xaneiro de 1901, aínda que o primeiro antecedente de estudos industriais en Vigo se pode remontar ao ano 1886, coa fundación da Escola de Artes e Oficios.

O desexo da cidade de lograr que os seus centros docentes se corresponderan coas necesidades que o desenvolvemento industrial esixía, manifestouse no denominado "Proxecto De Universidade Industrial de Vigo", redactado en 1930, para a construción do edificio da rúa Torrecedeira, de estilo modernista, segundo o proxecto redactado polo arquitecto D. Jenaro de la Fuente. As obras de construción do edifico, adxudicadas en xuño de 1931, comezaron no mes de agosto. A guerra civil mantivo pechada a Escola entre 1936 e 1939 e non sería ata finais do curso 1943/1944, tras algunhas reformas do proxecto inicial, cando puido instalarse finalmente no actual edificio de sede cidade.

Intégrase na Universidade de Santiago en 1972, co nome de Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial (E.U.I.T.I.), sendo o centro docente, no seu xénero, máis antigo de Galicia e, polo tanto, pioneiro e impulsor das Ensinanzas Técnicas.

Os estudos superiores de Enxeñería Industrial deron comezo no ano 1976 nuns pavillóns prefabricados situados no recinto da E.U.I.T.I. A partir do curso 1983/1984, as clases comezaron a impartirse no novo edificio da antiga Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais (E.T.S.I.I.), construída pola Fundación Pedro Barrié de la Maza.

O 28 de marzo de 2001 a E.U.I.T.I. recibe a Medalla de Ouro da Cidade de Vigo e o 25 de xullo do mesmo ano a Medalla de Prata de Galicia, con motivo do seu centenario. En 2006 a E.T.S.I.I. recibe a distinción por parte do Concello como Viguesa Distinguida.

Con data 1 de outubro de 2009 (EUETI) e 14 de outubro de 2009 (ETSEI), ambas as dúas Escolas aprobaron nas súas respectivas comisións permanentes unha proposta de estudo para a converxencia nun centro único co obxectivo de mellorar e integrar a xestión das actividades docentes dos Graos que se implantaron no curso académico 2010-2011. O día 14 de febreiro de 2011 culmínase o proceso de fusión coa publicación no Diario Oficial de Galicia dun decreto asinado polo presidente da Xunta de Galicia co que crea a actual Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo.

A estrutura da rama da Enxeñería Industrial anterior a Bolonia, estaba formada polas titulacións de Enxeñeiro Técnico Industrial e de Enxeñeiro Industrial. Os títulos de Enxeñería Técnica Industrial eran titulacións de tres cursos máis o Proxecto Fin de Carrara, nas cales procurábase a formación dun técnico plenamente competente nalgunha das ramas de coñecemento (Automática e Electrónica, Mecánica, Electricidade ou Química Industrial). Pola súa banda, a Enxeñería Industrial estaba formada por 5 cursos máis Proxecto Fin de Carreira, na que tras un primeiro ciclo de formación científico-técnica básica se pasaba a un segundo ciclo de especialidade, cuxo obxectivo era formar técnicos competentes en todas as ramas da Enxeñería e con capacidade para a innovación, desenvolvemento de novos produtos e investigación.

Coa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, realízase unha revisión completa da estrutura de todas as titulacións chegándose a un deseño único a nivel europeo formado por un Grao (240 créditos ECTS) e un Mestrado (de 60 a 120 créditos ECTS). Con esta nova estrutura, o Grao é unha titulación de 4 cursos (con Traballo Fin de Grao incluído) mediante a cal se forma a un profesional competente na súa rama de coñecemento e, no caso das ramas citadas anteriormente, coas atribucións profesionais de Enxeñeiro Técnico Industrial. Todos os graduados dentro da rama dan Enxeñería Industrial teñen ademais posibilidade de acceso ao Mestrado de Enxeñería Industrial mediante o cal se completará a súa formación, obtendo as plenas atribucións profesionais en todas as ramas (equivalente ao Enxeñeiro Industrial).