Procedemento de xestión das Prácticas Curriculares

  1. A EEI fará pública a oferta de prácticas en empresa curriculares entre as que o alumnado, que cumpra os requisitos descritos no artigo 6 deste regulamento, deberá facer a súa escolla dentro do prazo fixado ao efecto.
  2. Na devandita oferta figurarán como mínimo:
    1. Nome da empresa
    2. Centro de traballo
    3. Número de horas
    4. Horario
    5. Coñecementos requiridos
    6. Actividades que deben realizar
    7. Titor na empresa
    8. Titor académico
    9. Período
  3. No entanto, é posible engadirlle á oferta de prácticas en empresa segundo o punto anterior outras ofertas que lle vaian chegando ao coordinador de prácticas en empresas da EEI.
  4. No momento de matricularse na materia de Prácticas en Empresa, o alumno obrigatoriamente priorizará a selección das materias optativas de cuarto curso, para o caso de non serlle finalmente asignada unha das prazas dispoñibles de prácticas en empresa curriculares.
  5. Ao finalizar o prazo de matrícula, os servizos administrativos da EEI comprobarán se os alumnos matriculados de Prácticas en Empresa cumpren os requisitos fixados nesta normativa. Os estudantes que non cumpran os devanditos requisitos deberán modificar a súa matrícula nos prazos administrativos que se fixen, segundo a selección priorizada de materias optativas realizada no momento da matrícula e a dispoñibilidade de prazas.
  6. De entre o alumnado que cumpra os requisitos, o coordinador de prácticas da EEI (auxiliado pola plataforma telemática de prácticas en empresa), a petición das empresas ou entidades colaboradoras, poderá seleccionar os mellores expedientes académicos, de maneira que só se lles ofertarán ás empresas un máximo de catro estudantes por cada praza dispoñible.
  7. Poñeranse a disposición de cada empresa os currículos dos alumnos que soliciten realizar as prácticas na citada empresa ou entidade, tendo en conta o expresado no punto 6, xunto cun extracto do seu expediente académico. Será imprescindible que o alumno asine de xeito previo o documento de permiso de acceso a datos persoais e académicos por parte das empresas, quen á súa vez se comprometen a utilizar os citados datos e documentos exclusivamente para esta campaña de prácticas en empresa, de maneira que sempre se cumpra a normativa de protección de datos.
  8. As empresas seleccionarán os alumnos do seu interese, para o que poderán realizar entrevistas ou probas tanto nas súas instalacións como nas da EEI. A devandita selección será comunicada ao coordinador de prácticas en empresa da EEI utilizando a plataforma telemática de prácticas en empresa.
  9. A continuación, o coordinador de prácticas en empresa da EEI asignará unha praza de prácticas a cada alumno (sen prexuízo do expresado no punto 4). Unha vez aceptada polo alumno, a praza de prácticas non poderá cambiala.
  10. O alumno, o titor na empresa e o titor académico asinarán o documento de aceptación e formalización de prácticas en empresas da EEI. Este documento deberá estar depositado nos servizos administrativos da EEI antes do comezo das prácticas.
  11. O alumno deberá manter contacto periódico, polo menos unha vez cada quincena, co seu titor académico por un medio do que quede constancia para informar das actividades realizadas. No caso de producirse calquera incidencia, deberá informar canto antes o seu titor académico e, de ser o caso, ao coordinador de prácticas da EEI.
  12. Unha vez rematadas as prácticas en empresa, e dentro dos sete días hábiles posteriores, o alumno deberá cubrir e asinar o seu informe de prácticas, que lle entregará ao titor académico. Este informe estará constituído polo documento de avaliación das prácticas e suxestións de mellora segundo o documento D6-Informe do estudante e pola memoria final das prácticas externas do estudante, que como mínimo conterá a seguinte información:
    1. Datos persoais do estudante
    2. Nomes do titor académico e do departamento da Universidade de Vigo ao que pertence
    3. Nome e cargo do titor na empresa
    4. Nome e localización da empresa ou entidade onde realizaron as prácticas
    5. Breve descrición da empresa, do sector ao que pertence e das súas liñas de traballo principais
    6. Descrición concreta e detallada das tarefas, dos traballos desenvolvidos e dos departamentos da empresa ou entidade aos que estivo asignado
    7. Valoración das tarefas desenvolvidas cos coñecementos e competencias adquiridas en relación cos estudos universitarios cursados
    8. Relación dos problemas técnicos presentados e o procedemento seguido para resolvelos
    9. Identificación das achegas que, en materia de aprendizaxe, supuxeron as prácticas
    10. Breve descrición das incidencias xurdidas ao longo das prácticas que lle foron comunicadas ao titor académico, así como as solucións adoptadas
    11. Avaliación das practicas e suxestións de mellora segundo o documento D6-Informe do estudante
    12. Outros documentos esixidos polos programas de prácticas internacionais
  13. Ao recibir os citados informes, o titor académico cubrirá e asinará o seu informe de prácticas, que incluirá a avaliación numérica das prácticas realizadas. Para iso terá en conta tanto os informes de prácticas do alumno e do titor en empresa, como as conclusións dos contactos mantidos co alumno e co titor na empresa ao longo do período de prácticas. Os criterios de avaliación das prácticas serán definidos co consenso do conxunto de tódolos titores académicos de prácticas en empresa curriculares da EEI, e se farán públicos antes do comezo de ditas prácticas.
  14. Dentro do período de sete días hábiles a partir da recepción dos informes de prácticas, o titor académico deberá cubrir, asinar e entregar nun dos Negociados de Asuntos Xerais o certificado de prácticas en empresa.
  15. O secretario do centro asinará o certificado de prácticas en empresa, que será custodiado na Secretaría de Alumnos da EEI.