Obradoiros Elas fan CienTec 2018

cientec

A Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo organiza no Campus os Obradoiros "Elas fan CienTec 2018" para conmemorar o día Internacional da Muller e Nena na Ciencia que se celebra o 11 de febreiro para axudar a visibilizar o traballo das científicas, a crear roles femininos no eido da ciencia e a enxeñería e que promovan prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico.

Dentro destas actividades, a EEI recibirá o vindeiro xoves 8 de febreiro a rapazas de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria de diferentes institutos da contorna que participarán en varios obradoiros impartidos por persoal da EEI: 

  • Obradoiro de termografía infravermella con Fernando Cerdeira.

As alumnas coñecerán técnicas de ensaio non destrutivo baseadas na captación da radiación infravermella emitida por calquera obxecto cotiá. Esta ferramenta permite medir as distribucións superficiais de temperatura en tempo real sen necesidade de que exista contacto físico. Coa axuda de pequenas cámaras térmicas faranse pequenos grupos (3 alumnas/subgrupo) para que poidan tomar imaxes en tempo real, axustar as imaxes e comprobar de primeira man a cantidade de aplicacións nas que se pode utilizar. Nunha aula informática descargarán os seus termogramas e traballarán cun software específico para o tratamento e interpretación das imaxes tal e como fan os termógrafos reais.

  • Obradoiro en deseño e prototipado con Jorge Cerqueiro.

As alumnas manexarán distintos prototipos de obxectos comúns, tanto físicos como virtuáis, preparados previamente para a súa manipulación, ben impresos en 3D (físicos) ou ben cun software de deseño 3D (virtuais) e valorarán as súas posibilidades. Deseñarase unha peza sinxela pertencente a un dos prototipos, amosando como se fai a súa ensamblaxe dentro do conxunto empregando o software de deseño 3D e amosarase o proceso a seguir para a impresión en 3D da peza deseñada. O taller finalizará cun breve debate final sobre o uso de prototipos no día a día na sociedade actual.

  • Obradoiro sobe o proxecto Formula Student con María Couso.

As alumnas poderán coñecer a través do alumnado que compón o equipo UvigoMotorsport, o que supón participar nun proxecto de deseño e construción dun monopraza e competir en circuítos reais de F1 cos equipos doutras universidades de Europa e outros países.