Normativa de Docencia en Lingua Inglesa

1. Plan de internacionalización lingüística da Universidade de Vigo

Na reunión do Consello de Goberno dos días 21 y 22 de marzo de 2013 aprobouse o plan de internacionalización lingüística da Universidade de Vigo. Dito plan contempla no seu eixe nº 2 a posibilidade de impartir docencia na lingua inglesa. O mesmo plan, recolle textualmente o seguinte:

Eixe 2. Docencia universitaria en linguas estranxeiras

Este eixe recolle unha serie de actuacións dirixidas a acadar unha oferta académica impartida en linguas estranxeiras, nomeadamente en inglés.

[…]

Defínense cinco liñas de actuación asociadas a este eixe:

[…]

- Un procedemento gratuíto para que o profesorado da Universidade de Vigo poida acreditar a súa capacitación específica para a docencia en inglés.

- Un procedemento para a implantación de programas e materias en inglés.

- O recoñecemento e incentivos para participar en programas docentes impartidos en inglés.

[…]

Acreditación do profesorado para a docencia en inglés

A necesidade dunha capacitación mínima para impartir docencia en inglés require dun procedemento para garantir que todo o profesorado que desexe impartir docencia en inglés estea capacitado para iso. O procedemento para a acreditación das competencias mínimas para impartir docencia en inglés terá as seguintes características:

- Estarán capacitados de xeito automático todos os membros do PDI que acrediten un nivel de inglés igual ou equivalente ao B2 do MCERL, de acordo cos criterios e equivalencias aprobados no consello de goberno do 21 de decembro de 2012. Para ser válida, a citada acreditación deberá ser obtida nos últimos tres anos.

- Acreditar ter impartido docencia en inglés nunha institución de educación superior durante polo menos dous cursos académicos consecutivos ou tres alternos.

- Os membros do PDI que non dispoñan dalgunha das devanditas acreditacións poderán realizar unha proba no Centro de Linguas que acredite unhas competencias mínimas para a docencia en inglés (HELA: HigherEducation Lecturing Acreditation). O Centro de Linguas establecerá, baixo a supervisión da Área de Linguas da Universidade de Vigo, os criterios de acreditación perante unha rúbrica de avaliación que será pública. O exame será confidencial.

A Universidade de Vigo, coa colaboración do Centro de Linguas, emitiralles a todos os membros do PDI que dispoñan das acreditacións subliñadas e/ou superen a proba anterior un certificado acreditativo da súa capacitación para a docencia en inglés. Esta certificación terá unha validez de tres anos que se contarán dende o seguinte ao último no que se teña impartido docencia en inglés.

A implantación de materias en inglés

Neste apartado defínese unha estratexia para implantar materias ou titulacións en inglés nos centros da Universidade de Vigo. Esta estratexia ten en conta entre outros aspectos os recursos humanos e materiais dispoñibles, a oportunidade social e a natureza e nivel académico dos estudos impartidos. A estratexia materialízase do xeito seguinte:

- Os centros promoverán a actualización das memorias de verificación das titulacións afectadas para recoller de xeito explícito a materia ou materias que se impartirán en inglés, xunto con toda a información necesaria para xustificar a citada iniciativa.

- A Universidade de Vigo establecerá un procedemento para que os centros poidan expresar a súa vontade para establecer unha oferta académica en inglés, ben sexan materias individuais, grupos docentes nas devanditas materias ou ben titulacións completas. O procedemento establecerá, entre outros, os prazos, requisitos, compromiso mínimo de impartición e outros criterios relevantes para establecer a citada docencia. En calquera caso, primarase a implantación de liñas en inglés nas titulacións impartidas pola Universidade de Vigo, comezando no primeiro curso e cubrindo de xeito paulatino todo o programa formativo.

- Unha vez que se establezan as materias, grupos ou titulacións para impartir en inglés, os centros faranlles o encargo docente aos departamentos axeitados, e estes asignarán a docencia de xeito que se garanta que o profesorado que impartirá a docencia en inglés estea acreditado segundo o descrito no apartado anterior.

- A Universidade de Vigo promoverá as modificacións oportunas no sistema de xestión académica para ter en conta a docencia impartida en inglés, de xeito que o estudantado dispoña da citada información no momento de realizar a súa matrícula.

- A Universidade de Vigo establecerá recomendacións en canto ao nivel mínimo acreditado polo estudantado para cursar materias impartidas en inglés. Tomarase como referencia de partida o nivel B1 do MCERL.

Recoñecemento e incentivos vinculados á docencia en inglés

O recoñecemento do esforzo do profesorado que imparte docencia en inglés fundaméntase en que este ten que realizar un esforzo engadido para preparar e dispensar a devandita docencia. Porén, nos casos en que a participación tanto de profesorado como de alumnado na impartición de materias en inglés ou noutra lingua estranxeira sexa voluntaria, resulta conveniente establecer un conxunto de incentivos que faciliten a participación de ambos os colectivos.

No caso do profesorado, o recoñecemento materializarase a través dos seguintes instrumentos:

- Recoñecemento da carga docente adicional derivada da impartición do programa nunha lingua estranxeira, nos termos aprobados polo Consello de Goberno para o recoñecemento da actividade do profesorado.

- Certificación da participación en programas impartidos nunha lingua estranxeira para acreditar o profesorado.

- Acceso prioritario aos programas e convocatorias de mobilidade internacional de profesorado desenvolvidos pola Universidade de Vigo.

- Acceso prioritario ás accións do programa de formación de profesorado ou equivalentes, e mais especificamente a iniciativas de formación metodolóxica para o profesorado que trate os principios metodolóxicos do ensino en linguas estranxeiras, o ensino CLIL-AICLE, as características do ensino en tándem, a elaboración de expedientes para o profesorado, o uso do portfolio europeo, a elaboración dunha guía de traballo AICLE, ou a creación e adaptación de materiais, e a docencia en lingua inglesa.

- Acceso a asistencia instrumental no uso da lingua inglesa e a asesoramento metodolóxico.

- Inclusión como mérito específico no baremo dos procedementos de contratación de profesorado ao contar cun nivel de acreditación MCERL B2 ou superior.

- Valoración específica da docencia en linguas estranxeiras dentro do programa Docentia.

- Independentemente da participación na proba HELA referida anteriormente, a Universidade de Vigo subvencionará as taxas do primeiro exame de acreditación dun dos niveis do MCERL no Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo. A citada subvención aplicarase a calquera idioma dos acreditados polo Centro de Linguas e será necesario que o nivel desexado sexa superior ao B1 no caso do inglés.

No caso do estudantado, identifícanse os seguintes recoñecementos para incentivar a súa participación nestes programas:

- Subvención parcial das taxas do primeiro exame de acreditación dun dos niveis do MCERL no Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo.

- Prioridade nas convocatorias de mobilidade internacional do alumnado nos casos de igualdade de puntuación, tras a aplicación do baremo correspondente a cada convocatoria.

- Prioridade na participación en programas de dobre titulación internacional.

- Recoñecemento da docencia bilingüe recibida no expediente académico e/ou no suplemento europeo ao título.

- Accións de apoio para a formación lingüística do alumnado, como por exemplo cursos no estranxeiro, ou cursos específicos sobre metodoloxías de aprendizaxe e de linguas estranxeiras no ámbito da súa titulación. A ORI enviará aos/ás responsables de relacións internacionais dos centros respectivos as solicitudes presentadas para que en cada centro se efectúe a selección dos/as bolseiros/as segundo os criterios establecidos por cada centro. A selección dos/as estudantes realizarase nos centros, polas comisións establecidas a este efecto e será notificada á ORI.

[…]

2. Plan Estratéxico da Escola de Enxeñería Industrial

Así mesmo, no plan estratéxico da escola de enxeñería Industrial aprobado na Xunta de Escola da Escola de Enxeñería Industrial (EEI) celebrada o 12 de xuño de 2012, no eixo número 5 de proxección exterior contémplase a acción do establecemento de docencia en lingua inglesa. Por todo elo, leváronse a cabo unha serie de accións neste senso.

3. Acreditación do profesorado para a docencia en lingua inglesa

Levouse a cabo unha difusión vía correo electrónico na lista de profesorado da EEI a mediados do mes de febreiro desta iniciativa, invitando a todo o profesorado disposto (de forma voluntaria) a tomar parte na docencia en lingua inglesa a participar no proceso de acreditación.

Xunto co correo electrónico, o centro estableceu un catálogo inicial de posibles materias a impartir en inglés no curso 2013-2014. Como experiencia piloto inicial, o catálogo de materias ofertadas en inglés que se considerou, por razóns puramente operativas, consistiu nun listado de materias impartidas nunha única sede da EEI pertencentes a:

  • Un grupo de primeiro curso das titulacións de grao
  • Un grupo do segundo curso do Grao en Enxeñería Mecánica
  • Un grupo do terceiro curso do Grao en Enxeñería Mecánica
  • Optativas xerais do cuarto curso das titulacións de grao

Recibíronse un total de 33 solicitudes de profesorado disposto a participar. A principios de marzo, os que o necesitaron, foron chamados a realizar o exame de acreditación que realizou o Centro de Linguas. Finalmente, un total de 23 profesores con docencia no centro dispoñen da acreditación, repartidos en 11 departamentos e 13 áreas de coñecemento distintas, tal e como se mostra na seguinte táboa: 

Departamento Área de Coñecemento  Profesores
C05 Estatística (265) 3
C12 Química orgánica (765) 1
T01 Enxeñería gráfica (305) 2
T02 Enxeñería eléctrica (T02) 1
T03 Máquinas e motores térmicos (590) 1
  Mecánica de fluidos (600) 1
T04 Enxeñería química (555) 1
T05 Ciencia dos materiais e enxeñería metalúrxica (65) 1
  Mecánica dos medios continuos e teoría de estruturas (605) 2
T07 Enxeñería de sistemas e automática (520) 1
T08 Física aplicada (385) 2
T11 Tecnoloxía electrónica (785) 5
T15 Linguaxes e sistemas informáticos (570) 2
  Total 23
Táboa 1: Número de profesores da EEI acreditados para a docencia en lingua inglesa

 

E por elo que, á vista do profesorado acreditado, compre establecer o catálogo definitivo de materias e grupos ofertados en inglés para transmitir dita información ao Vicerreitorado de profesorado, e aos departamentos involucrados a través do plan de organización docente (POD). O profesorado acreditado terá preferencia á hora de elixir os grupos de docencia en lingua inglesa, tal e como indica o plan de internacionalización aprobado na Universidade de Vigo.

4. Catálogo de materias e grupos con docencia en lingua inglesa

Nesta primeira experiencia piloto decidiuse ofertar unicamente grupos de docencia de aula e impartilos todos na mesma sede (campus). Para anos seguintes, a oferta tense que ampliar a ambas sedes e a outras titulacións. Tendo todo isto en conta, o catálogo final de materias ofertadas en inglés é o seguinte:

Materias con docencia en inglés no 2013-2014/Available subjects taught in english, course 2013-3014
Código/Code Contido/Name of subjects ECTS

Cuad./

Semester

1º Curso/1st Year - All degrees
V12-G320101  Expresión gráfica: Expresión gráfica 9.00 1SG
 V12-G320103  Matemáticas: álxebra e estatística 9.00 1SG
 V12-G320203  Informática: informática para a enxeñería 6.00 2SG
 V12-G320205  Química: química 6.00 2SG
2º Curso/2nd Year - Mechanical Engineering Degree
 V12-G380301  Ciencia e tecnoloxía dos materiais 6.00 2SG
 V12-G380302  Termodinámica e transmisión de calor 6.00 1SG
 V12-G380401  Tecnoloxía medioambiental 6.00 1SG
 V12-G380402  Resistencia de materiais 6.00 2SG
 V12-G380403  Fundamentos de automática 6.00 2SG
 V12-G380404  Tecnoloxía electrónica 6.00 2SG
 V12-G380405  Mecánica de fluídos 6.00 2SG
3º Curso/3rd Year - Mechanical Engineering Degree
 V12-G380502  Elasticidade e ampliación da resistencia de  materiais 9.00 1SG
 V12-G380602  Enxeñería gráfica 6.00 2SG
4º Curso/4th Year - All degrees
 V12-G380905  Metodoloxía para a elaboración, presentación e xestión de traballos técnicos 6.00 2SG
 V12-G380908  Tecnoloxía láser 6.00 2SG

 

Dito catálogo mostra que un alumno de novo ingreso do curso 2013-2014 de calquera titulación de grao pode cursar o 40% das materias de primeiro curso en inglés no caso de elixir o grupo de ensinanza bilingüe.

No caso dos alumnos do Grao en Enxeñería Mecánica, poderán cursar o 70% das materias de segundo curso e o 25% das materias de terceiro curso en lingua inglesa. Asimesmo, o 20% das materias de cuarto curso ofértanse en inglés para tódolos títulos de grao.

5. Normas mínimas para a docencia de materias en lingua inglesa

As normas mínimas para a docencia de materias da EEI en lingua inglesa son as seguintes:

  1. A docencia do grupo de teoría debe ser impartida completamente en lingua inglesa.
  2. Todas as actividades de avaliación (exames finais, probas parciais, etc.) que se fagan ao alumnado destes cursos, deben entregarse ao alumnado en lingua inglesa. Con carácter xeral o alumnado debe realizar estas actividades de avaliación en lingua inglesa. Queda a criterio do profesor da materia admitir ou non que os alumnos entreguen os exames ou probas de avaliación en galego ou castelán.
  3. A guía docente da materia así como o material docente (transparencias, apuntes, etc.) deben estar redactados en lingua inglesa.

 

Aprobado pola Comisión Permanente da EEI na reunión celebrada o 26 de abril de 2013.